Manuel Gago Mariño (Palmeira, Ribeira, 1976) é doutor en CC. da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, é director de culturagalega.org, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega e profesor asociado na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, formando aos novos xornalistas na especialidade de ciberxornalismo. Gago é autor de varios libros sobre xornalismo electrónico e arquitectura da información en Internet. Os últimos son Sistemas Digitales de Información e Diseño Periodístico en Internet. A súa tese de doutoramento, merecente dun sobresaínte cum laude en 2011, titúlase Deseño editorial e arquitectura da información nos cibermedios internacionais de referencia. É membro do Grupo de investigación en Novos Medios da USC, onde experimenta con prototipos de novos medios. O seu blog persoal sobre enogastronomía, viaxes, cultura e novas tecnoloxías é Capítulo 0 (www.manuelgago.org/blog/).
No ámbito do patrimonio cultural, Manuel Gago é fundador de patrimoniogalego.net, un amplo catálogo social do patrimonio cultural galego, e exerce o activismo e a investigación sobre como difundir o inmenso patrimonio cultural do país, formando parte de equipos de investigación arqueolóxica coma o do poboado da Lanzada (2010) ou do conxunto rupestre de Pena Furada (2011). Foi comisario en 2010 da exposición Ao pé do Lar, centrada na recuperación da memoria colectiva ao redor dos espazos domésticos culinearios, promovida polo Fórum Gastronómico en Santiago e con sede no Museo do Pobo Galego.