Nunha nova experiencia de expansión do formato TEDxGalicia, o próximo 2 de decembro, o TEDxGalicia estará no Culturgal.
TEDxGalicia no Culturgal terá lugar na sesión do venres 2 de decembro ás 1100h tratando sobre a temática A cultura pensada para a cidadanía e o territorio.
Cristina Fuentes, directora internacional de Hay Festival para España e Latinoamérica; Luís Fernandes, coordinador xeral da asociación D’Orfeu de Águeda; e Julio Gómez, un dos responsables da empresa galega Sinsalaudio, compartirán coas persoas asistentes ao Foro Culturgal algunhas claves sobre proxectos culturais cunha especial relación con espazos singulares, co territorio e coa cidadanía. Farano baseándose na súa propia experiencia en proxectos nados en territorios periféricos, lonxe dos grandes núcleos urbanos, que conseguiron converterse en axentes dinamizadores e que, ademais, actúan como foco de proxeción exterior dos seus territorios, grazas ao prestixio das súas propostas.
A sesión terá un formato dinámico e inspirador, o das charlas de 18 minutos ideadas pola organización sen ánimo de lucro TED, adicada a inspirar e a difundir ideas a través da rede.