Mañá comezamos a presentar ás persoas que compartirán connosco o seu coñecemento, as súas ideas, a súa maneira de facer as cousas e entender o mundo, en definitiva, a súa vida e forma de estar no planeta.
Queremos aproveitar esta primeira referencia ás e aos ponentes para agradecer a disposición que teñen todas as persoas cando reciben o noso convite para nos coñecer a redor dun café. Falamos con moitas persoas. Algunhas propostas quedan no camiño e outras se adían para unha próxima edición pero todas e todos demostran que existen moitas persoas extraordinarias ao noso redor coas que paga a pena tomar un café ou polas que paga a pena asisitir ao TEDxGalicia.
Tamén dar as grazas todas as colaboracións e recomendacións de charlas e invitarte a que os sigas facendo. O proceso de selección de ponentes é continuo e se ben temos pechado o 80% das charlas do TEDxGalicia 2011, seguimos a falar e coñecer persoas e iniciativas que merecen a pena ser compartidas dende o escenario de TEDxGalicia, tanto para esta edición como algunhas previstas para o TEDxGalicia 2012.
Non dubides en suxerirnos calqera iniciativa que consideres interesante. O máis traballoso para a organización do TEDxGalicia e atopar eses axentes singulares que queiran ser artífices principais da experiencia TEDxGalicia. O noso formulario para suxerir charlas segue aberto e o noso traballo neste senso non cesa.